Envíos Gratis en España Peninsular compras superiores a 50€.

Su cesta

Su cesta está actualmente vacía.

Vigo: A cidade que decidiu non renderse

Hai historias que non se escriben, xorden.
A de Vigo é unha delas.
No ano 1809, cando o mundo parecía inclinarse ante o poder dun imperio, esta cidade pequena, aberta ao mar e ao vento, decidiu dicir que non.
Non desde a forza, senón desde a convicción.
Non desde a imposición, senón desde a identidade.
Foron mariñeiros, canteiros, labregos. Xente común convertida en extraordinaria.
Foron as rúas do Berbés, as portas da muralla, as ladeiras do Castro.
Foi o latexo dunha cidade enteira empurrando nun mesmo sentido.
Contan que todo comezou a ferver ao redor do mercado, entre voces baixas e olladas firmes.
Que homes como Carolo, caído na Porta do Sol, ou Cachamuíña, avanzando co machado para abrir paso ata a Porta de Gamboa, deixaron de ser persoas para converterse en heroes.
E así, o 28 de marzo de 1809, en Vigo sucedeu algo máis que unha vitoria, xordeu unha maneira de ser.
A Reconquista non é só un episodio histórico.
É unha lembranza de que a nosa identidade nos fortalece.
É a maneira de mirar cara arriba, cando todo pesa máis que nunca.
É a teima de non aceptar o destino que outros queren escribir para ti.
É a rebeldía tranquila de quen sabe quen é e non está disposto a renunciar a iso.
Lembra á historia que atravesa o Real Club Celta de Vigo desde a súa orixe.
Porque o Celta, como Vigo, nunca foi o camiño fácil. Nunca foi o poder establecido. Nunca foi o que domina, senón o que resiste, o que insiste e o que cre. Un club que medra desde a súa raíz, desde a súa xente e desde unha identidade, que non se negocia.
Por iso, cando vestimos o vermello e branco, cando recuperamos símbolos que levan séculos entre nós, non estamos mirando atrás. Estamos recoñecéndonos.
Porque en Vigo, a Reconquista non rematou.
Segue en cada rúa, en cada bancada, en cada persoa que sente estas cores como algo propio.


Porque isto non vai do que fomos.
Vai do que seguimos sendo.