A celebración do Mundial de 1982 en Vigo servira para modernizar parte de Balaídos, e xunto á nova bancada de Río, de maior capacidade que a súa antecesora, erguéranse dúas grandes escaleiras de caracol que se farían icónicas co paso dos anos, tempadas para nós.
Estas escaleiras chegaron para festexar o ascenso do 82, no que os seus interminables chanzos serviron de acomodo a unha multitude de afervoados afeccionados que ese día ateigaron o municipal vigués. Despediron ao noso gran capitán Manolo, e apadriñaron á Italia de Rossi e Zoff na súa carreira pola conquista da Copa Mundial daquel mesmo ano.
Desprovistas de calquera protección contra as habituais inclemencias meteorolóxicas da nosa terra, creceron co mítico Celta da década dos oitenta, e durante os anos 90 viron asentarse na máxima categoría aquel afouto equipo comandado por xogadores como Vicente, Vlado ou Patxi, antes de asombrar a Europa cun fútbol preciosista. Empapadas de innumerables historias, foron testemuñas das xenialidades do zar máis díscolo, e asistiron á progresión dun imberbe rapaz do Morrazo que o tempo converteu en lenda do club.
Coa desaparición da súa irmá, que acompañou a Fondo e Marcador no seu derrubo, a única que permañeceu en pé ata hoxe foi a construida xunto a Gol, corvertida en refuxio para siareiros solitarios e fumadores, privilexiado balcón con vistas ao terreo de xogo, e miradoiro dende o cal admirar ese Vigo onde o rural e mailo industrial abrázanse a carón do Lagares. Como acceso incomparable ao interior do estadio, foi un dos seus derradeiros vestixios con recendo a fútbol de cemento e lama.
Con eses cambios precisos na súa estrutura, o vello Balaídos transformarase por completo cando unha nova bancada de Gol abra as súas portas. Con ela gañaremos un estadio pechado e moi próximo ao verde, no que o alento dos siareiros achegarase máis ao corazón dos nosos futbolistas, feito que sempre cobizou o celtismo para seguir sendo ese xogador número 12 máis determinante.
Raíces. Identidade. Orgullo.
J.A.