OS NOSOS SÍMBOLOS, OS SÍMBOLOS DA GALEGUIDADE
Fragmentos do capítulo 8
“Os nosos símbolos, os símbolos da galeguidade”
Pode verse en carteis, carnés de socio, entradas e en textos da prensa deportiva da época. Non aparece a denominación “Club Celta de Vigo” ou “Real Club Celta de Vigo”; á hora de falar do noso club refírense ao “Club Celta, de Vigo” ou “Real Club Celta, de Vigo”, e esa coma non é un simple signo ortográfico. En canto á denominación de “Real”, foi herdada tanto do Fortuna, que a ostentaba desde 1908, como do Vigo Sporting, que a recibira en 1914.
...
A “acumulación” de capital simbólico non parou aquí. A seguir decidiuse que as cores do club non serían outras que o branco e o azul celeste, as cores da bandeira de Galiza. Inicialmente as cores do club eran vermellas e brancas por aquelo de aproveitar as camisetas do Vigo Sporting, inspiradas na bandeira da matrícula marítima de Vigo. Houbo partidos nos que o Celta xogou con camiseta vermella e pantalón negro. Pero axiña, xa entre 1924 e 1925, mudáronse polas cores galegas. Ollo porque se trata dunha decisión tomada en plena ditadura de Primo de Rivera; de feito, o Celta xogou o seu primeiro partido o 16 de setembro de 1923, tres días despois do golpe de Estado.
Xavier Sánchez Pazos, "Un equipo para un país"
